A xenerosidade


Este can sorprendeume moito cando o retratei. Estaba eu a fotografar flores cando se acercou a min e botouse a durmir ao meu carón. Non puiden desaproveitar a oportunidade.

En canto rematei, abriu un ollo e ao ver que estaba a ollar a pantalla da miña compacta dixital (daquela era o que tiña), ergueuse e marchou por onde vira... canta intelixencia e nobreza nun mesmo ser! 

Toda unha lección de xenerosidade a dese can que me agasallou con ese marabilloso intre sen pedir nada a cambio.

Cando investiguei a historia deste can fiquei máis abraiado aínda. 

A familia que o mantiña non era a súa familia orixinal. O can xa estaba ben entrado en anos, demostrábao con xestos coma o que tivo comigo e coa cámara. Víase acostumado ao trato coas persoas, non se sorprendía con ningunha ferramenta humana e era porque pasara moitos anos ao carón dalgunha familia que ademais o debeu tratar moi ben porque incluso as súas unllas víanse coidadas con moito agarimo.

Estudando o seu comportamento coas crianzas decateime de que tamén tiña que estar afeito a xogar con meniños porque era moi coidadoso no tratamento e sabía onde estaba a liña que non debía cruzar. Era perfectamente consciente do feble que pode ser un pequerrecho humano.

Pero ademais de boa vida, tamén levou o seu susto e desgusto. Aprendeu polas malas coma somos os seres humanos. A pesar do amor que seguramente amosou cos seus anteriores donos e que estou seguro foi correspondido durante moitos anos, este ancián e sabio animal foi abandonado un día nunha gasolineira, onde os donos do negocio o estiveron coidando durante varias semanas.

Un usuario desa estación de servizo, que decatándose de que nese estabelecemento existía desde había un tempo un habitante máis, sentiu curiosidade e preguntou de quen era e que facía alí. Cando lle dixeron que o atoparan un día abandonado na súa propiedade e que levaban días agardando por se era reclamado por alguén, o novo dono ofreceuse a coidalo deixando os seus datos de contacto por se a anterior familia se arrepentise e decidise recuperalo... ata onde sei, iso nunca aconteceu.

Trátase dun can que podería gardar rencor polo que lle fixeron, pero de novo nos deu unha lección de pura bondade e xenerosidade. Máis alá de deixarse levar pola desconfianza que pode provocar tal traizón, este vello can síntese agradecido pola nova oportunidade de formar parte dunha familia e iso o demostra cada día con ese comportamento nobre e altruísta. 

Quen ven sendo o animal neste caso? O can ou o ser humano? Non son poucas as veces que me fago esta pregunta.

Comentarios